jueves, 22 de junio de 2017

Bienvenue à Marly-Gomont



Bienvenue à Marly-Gomont, baseada na vida do pai do músico Kamini, cóntanos a historia do doutor Zantoko, orixinario de Kinshasa, o Congo, quen acepta unha vacante de médico rural nunha pequena vila de Francia en 1976 coa intención de poder ofrecerlle unha mellor educación aos seus fillos. Alí terá que enfrentarse ao racismo dos seus habitantes, quenes nunca viran a unha persoa negra e que amosan un claro rexeitamento.

A película xira en torno a unha familia cristiá, africana e de clase media, acostumada á vida na cidade, formada por Anne Zantoko quen soña con vivir unha vida case idílica en París, Seyolo Zantoko, que ao ter estudado en Francia previamente sabe aos problemas cos que se teñen que enfrontar as persoas africanas en Occidente, e os seus fillos.

O filme trata unha temática antirracista, amosándonos todo o odio que recibe a familia. Dende a súa chegada á vila vemos o desprezo que amosan os seus habitantes: ninguén acude á consulta do doutor a pesar de que o seguinte médico máis cercano está a 15km, os seus fillos son obxecto de continuas burlas na escola, tratan á nai como se fose idiota... Entre outras moitas cousas que nos amosan. A pesar do claro rexeitamento que amosan os vilegos, o doutor non perde a esperanza e trata por todos os medios de conseguir ser aceptado pola poboación branca, de amosar que son persoas* ao igual ca eles, que son dignos de respeto. Isto tamén dá pé ao director a amosarnos o conflicto no que se atopa a familia respecto á súa propia cultura, que se ve obrigada a rexeitar para encaixar.

Bienvenue à Marly-Gomont é unha película con bo ritmo, que non faise pesada e que consegue transmitir moito ao espectador. Aínda que non destaca especialmente nos apartados técnicos, nin o guión é espectacular, consegue o seu obxectivo: unha clara denuncia ao racismo, aínda que creo que deixa a idea de que o racismo é cousa do pasado, cando nós aún podemos reproducir (con ou sen intención) estas actitudes.

Déixovos por aquí a única critica que atopei da película (que a todo, pasa o test de Bechdel) dunha persoa racializada.

*Matizo (grazas Miry pola corrección): coa frase "amosar que son persoas" refírome a que teñen que demostrar constantemente que son seres humanos que sinten e pacen, non que debamos deixar de lado o análise de raza (entendida como un constructo social) porque ao fin e ao cabo somos todos persoas. As presións, xa sexan de xénero, raza, clase ou pola sexualidade danse precisamente por estas condicións, eleminar estes factores o único que fai é darnos solucións provisionais e non atacar á raíz do problema.

Puntuación:


1 comentario: